“Salvemos Trevinca” créase coa intención de dar a coñecer un proxecto de instalación dun parque eólico na Serra do Eixe, dentro do conxunto montañoso das Montañas de Trevinca - Cume de Galicia.

A empresa Desarrollos Renovables Iberia Gamma S.L. pertencente ao Grupo de empresas de capital público noruegués Statkraf pretende instalar 31 torres eólicas duns 200 m de voo de pa de rotor, e de 5,5 Mw de potencia nominal cada un deles, cun percorrido por todas as zonas altas duns 30 km, sen contabilizar as liñas de evacuación, etc.

Este desmesurado proxecto eólico na Serra do Eixe, brazo principal das Montañas de Trevinca, con final en Pena Trevinca-Cume de Galicia (2127 m), suporía unha grave agresión –sen posible solución posterior– ao noso patrimonio natural de montaña en Galicia, bastante danado xa.

O Clube de Montañismo Montañas de Trevinca foi creado no ano 2016, co fin de espallar a práctica do montañismo, mais ten como razón principal a difusión dos valores naturais das Montañas de Trevinca e, sobre todo, a defensa ante calquera agresión e intento de destrución deste valioso patrimonio natural da montaña galega.

Tendo en conta a nosa razón prioritaria na defensa da natureza, e sobre todo no referente ás montañas, non podemos aceptar os proxectos de destrución do medio natural por parte das empresas eólicas, neste caso, dun grupo de capital público noruegués.

Como Clube dedicado non só ao deporte do montañismo, senón coa prioridade posta no coñecemento das montañas e a súa defensa, creamos esta páxina para dar a coñecer esta gravísima ameaza ambiental na Serra do Eixe-Montañas de Trevinca e, deste modo, poder solicitar a axuda e colaboración a todas as persoas que cren como nós que non podemos perder máis natureza, que xa non é posible seguir coa destrución insensata do patrimonio natural, tanto na súa xeodiversidade como na súa biodiversidade. “Canto máis rica é a biodiversidade, máis posibilidades de supervivencia temos” (Convenio das Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica, 1992).

Por favor, se o cres conveniente, asínanos a túa negativa á instalación de parques eólicos nas Montañas de Trevinca-Cume de Galicia.

Agradecemos o teu apoio!

Fotografía na Cima de "Pena Trevinca" o punto mais alto de Galicia nas Montañas de Trevinca-Cima de Galicia . 13 de febreiro de 2021.