Manifesto

Basta xa, Señores «Eólicos», basta xa!!

Salvemos a nosa alta montaña: salvemos Trevinca, cume de Galicia

Non cansaredes nunca de pretender destruír o mellor das nosas montañas, o mellor da nosa natureza e, tamén, o mellor dos nosos sistemas de economía sostible que posibilitan que a mocidade poida seguir vivindo no medio rural creando contornas familiares.

Non cansaredes nunca de pretender enlodar e deixar estériles os lugares onde nacen os nosos ríos, arroios e regueiros. Eses mesmos recunchos nos que, asemade, a vida xermola e habita en forma de abondosas plantas e multitude de pequenos e grandes animais, que brincan, corren e se desenvolven dando lugar á fermosa palabra biodiversidade.

Non cansaredes nunca de pretender matar as aves dos ceos, as pequenas e as grandes, as moi protexidas e as menos protexidas. Desexo mencionar, en particular, esas magníficas rapaces que son as aguias reais, que aínda –e moi ao voso pesar– seguen a voar nos ceos da nosa alta montaña galega, sobre todo na Serra do Eixe das Montañas de Trevinca.

Non cansaredes nunca de pretender matar as nosas fermosas paisaxes de montaña. Desexades facer desaparecer estes perfís arredondados ou piramidais, esas portelas unindo dous vales e dúas montañas, esas paisaxes de serena natureza que admiramos con emoción infantil. No seu lugar, queredes chimpar construcións e torres metálicas con enormes aspas dun material non reciclable.

Señores «Eólicos»: sinceramente cremos que tanto vos ten o patrimonio natural galego e todo o conxunto de vidas que nel habita. Non queredes ter en conta todas as razóns científicas de expertos e académicos en temas ambientais. Se por vós fose, anulariades todas as normas e leis de protección deses lugares singulares que pretendedes ocupar continuamente unha e outra vez, e sempre con motivacións económicas particulares.

Estamos aburridos de seguir reclamando, alegando e protestando aínda neste 2021, tamén, decepcionados pola conivencia das diferentes administracións –mais nunca cansos–. Sempre imos seguir denunciando as vosas atrocidades ambientais.

Nestas Montañas de Trevinca, en particular no concello da Veiga, comezamos en 2001 a tratar convosco. Daquela era un proxecto de 36 torres eólicas que ía destruír completamente unha xoia xeolóxica como é a crista glaciar do Lombo do Roncín, unha xeoforma única en Galicia. Aquel proxecto afectaba amais gravemente os vales glaciares do río Meladas e do Foxo Castaño, influíndo moi negativamente sobre o veciño Teixadal de Casaio, famoso bosque de teixos de grande importancia botánica.

En 2005, cun parque eólico nas inmediacións do pico Maluro, queriades destruír unha paisaxe subalpina conformada por xenebreiro rastreiro, que se atopa nese punto no límite da súa distribución na Serra do Eixe cara ao oeste. Tamén nesa contorna se localiza a maior colonia de charrelas de Galicia, así como as aguias reais que cazan e habitan nestas montañas.

O terceiro intento de instalación doutro parque eólico e, por conseguinte, absurda destrución da nosa alta montaña galega chegou no ano 2008. Na Serra do Eixe, en concreto na zona de Pena Redonda, tipificada co código 011 e referencia para a inclusión/ampliación da zona de especial protección para as aves (ZEPA), pretendíase instalar un parque eólico contravindo os Anexos I e II das Directivas 79/409/CEE e 92/43/CEE, respectivamente, de aves e hábitats. Tamén neste caso puidemos salvar as especies de morcegos con alto grao de protección e, sobre todo, as aguias reais, consideradas como de extrema importancia por especie vulnerable ou gravemente ameazada. O texto do expediente «Parque eólico Serra do Eixe» (IN661A 05/04-3 A.T.) da Xunta de Galicia denegaba a devandita instalación considerándoa como desfavorable, «sendo este parque incompatible coa súa recuperación» (referíndose ás aguias reais).

Todos estes proxectos nas Montañas de Trevinca quedaron anulados ou considerados como desfavorables pola Xunta de Galicia. Hoxe en día danse as mesmas razóns de protección sobre a avifauna e as mesmas circunstancias ambientais nas zonas dentro do proxecto eólico na Serra do Eixe, aínda que agora vós o renomeedes como «Prada», tentando que pase desapercibido.

E agora, en xaneiro de 2021, en medio desta pandemia dolorosa, cando os científicos e estudosos do medio natural erguen a súa voz para denunciaren que o dano ocasionado ao noso planeta está detrás, precisamente, da aparición do virus, ocórresevos formular proxectos que destruirán a Serra do Eixe, un dos catro brazos, o único enteiramente no territorio galego, do impoñente conxunto das Montañas de Trevinca.

Logo de tantas denegacións razoadas da Xunta de Galicia, aínda seguides teimando en instalardes parques eólicos con 31 torres de ferro cun voo de aspa duns 150 m, nas nosas Montañas de Trevinca, símbolo de todas as montañas galegas.

Señores «Eólicos»: que pretendedes? A vosa intención é acabardes con toda a montaña galega, desde Os Ancares, O Courel e Trevinca até O Xurés, na raia con Portugal? Cando rematarán as vosas ansias de negocio fácil sen considerardes as consecuencias ambientais? Cando as nosas administracións galegas protexerán eficazmente o noso importante e moi valorado patrimonio natural de montaña? Cando chegue ese día, a nosa terra galega descansará tranquila e feliz, e tamén nós, os habitantes desta fermosa terra.

Non é certo o que predicades: isto non é unha solución para o rural. Todo o contrario: as vosas esmolas beneficiarán tan só un chisco as arcas municipais. Non é certo que grazas a vós os mozos vaian ter posibilidade de emprego nas súas aldeas. Tampouco que vaian vir vivir aquí familias grazas aos muíños. Non hai unha soa mostra diso e, se alguén aparecese, sería temporal durante a instalación do parque.

O que si que é certo, no entanto, é que ides destruír toda posibilidade de poder recuperar os territorios máis tarde. Tamén é certo que nun futuro máis ben próximo non haberá xeito nin cartos para retirar tanta ferralla, tanto cable e tanto cemento dos nosos montes, nin tantas aspas inutilizadas e non reciclables dos ignorados depósitos de material non aproveitable.

A costa galega non foi un exemplo de coherencia ambiental. A montaña galega non está sendo un exemplo de coherencia ambiental. Que nos queda para deixarmos aos galegos e ás galegas que acaban de nacer e aos e ás que aínda non naceron? Cada vez queda menos da tan admirada e promocionada «Galicia verde» ou «Galicia natural», chegarán a ser, se non o son xa, expresións baleiras.

Señores «Eólicos»: por favor, pensen no dano que están a facer á nosa Terra Nai galega. Talvez a expresión Terra Nai non a entendan ben. Se cadra lles poida parecer primitiva.

Señores/as das diferentes administracións locais, provinciais e autonómicas, por favor, aínda estamos a tempo de lexislar, de repensar a política ambiental da nosa querida Galicia. Non pensen no que reciben agora, teñen que pensar no que perderemos todos e todas. Ademais, a vostedes quedaralles o cargo de consciencia de participar en tanto dano ao máis significativo e valioso do noso patrimonio natural.

Señores/as cidadáns/cidadás, por favor, debemos implicarnos moito máis na defensa dun ben imprescindible para a nosa saúde tanto física como mental como é o noso patrimonio natural galego. Temos a obriga de deixar ás nosas crianzas e ás súas futuras crianzas a Galicia verde e natural chea de bosques, costas, ríos e montañas que nós recibimos como herdanza perdurable dos nosos pais e das nosas nais.

Coa seguridade e lóxica crenza de que esta traxedia sanitaria que aflixe a humanidade chamada covid19 debería ter un fin próximo, tamén cremos que esta tolemia de ataques sen razón á natureza ten que parar. Desexamos que as urxentes normas e leis ambientais a tramitar regulen e contemplen as áreas protexidas e as súas zonas de influencia con razóns de protección ambiental. Queremos asemade que as nosas costas, vales, ríos e montañas estean máis e mellor protexidos e coidados. En fin, as denominacións de Rede Natura 2000, de zona de especial conservación (ZEC), de ZEPA, de parque natural ou de parque nacional, así como as zonas de influencia de todas elas, deben deixar de ser en moitos casos entelequias administrativas para deviren realidades prioritarias da calidade de vida dos galegos e das galegas, sempre acompañados de todas as outras formas de vida, vexetal e animal, coas que compartimos esta casa común chamada Galicia.

Antonio Fernández Pena (Cholo)

Presidente do C.M. Montañas de Trevinca

Descargar Manifesto en PDF

Moitas grazas polo teu apoio!

Fotografía na Cima de "Pena Trevinca" o punto mais alto de Galicia nas Montañas de Trevinca-Cima de Galicia . 13 de febreiro de 2021.